ATA SEMPRE VICTOR

Sempre que pasan momentos de partidas, acostumamos a dicir aquilo de que era boa persoa. Este o era, sen necesidade de dicilo un día como hoxe. Unha persoa loitadora, entregada, familiar e sinxela. 

As vacacións no meu Feás xa non serán iguais. A vida segue. Haberá momentos bos e malos pero xa non serán as mesmas. 

Era saír da misa, dunha reunión, dalgún encontro, festa ou calquera acontecemento e aí estaba para facer, dunha frase oportuna, un chiste con parábola; obtendo un sorriso dos asistentes e animar o cotarro dos veciños no  Petouto.

Era chegar ao pobo e esa frase túa “Benvido Bill  Gates”. E esperar unha frase túa para tomarlle o pelo a algún. Era alegrar a mañá para falar do presente e futuro, ti que nunca esquecías o pasado.

Sempre se podía contar con él para axudar nas colectas da Festa do Neno; na procura de solucións a problemas eternos da auga; en achegar ideas ás melloras de calidade de vida do pobo; en innovar con propostas moitas veces  incomprendidas; pero pensando sempre no noso Feás como un lugar único e que tanto lle custou que se comprendese.

Era xogar ao  chinchón e non parar de meterse con don Ramón. Soltar un chiste picante e escoitar deste a coñecida frase de “cala burricana e  xoga”. A pesar das  pullas, ambos se apreciaban moito.

E como esquecer a súa primeira consumición: o chupito con café. Nunca o terminaba. Aquilo provocaba, algunhas veces, algunha discusión. Creo que só o pedía para animar os comentarios bastos e redundantes do persoal.

E o seu puro. Duraba toda a tarde. Nin conta dábase (ou si o sabería) que estaba apagado. Era a súa escusa para abandonar a partida. Así descansaba e camiñaba un intre. Iso si, sempre tiña algún outro para ofrecer.

Moita xente pasa por grupos e non se nota a súa ausencia. Non marcan o devir dos momentos máis intensos ou divertidos. O  chinchón acábaselle de ir un dos seus principais protagonistas. Xa non será igual. Aínda que non estivese na partida, os seus movementos de triunfos e perdas eran lembradas. Non faltaban os comentarios xocosos sobre frases ou xogadas túas. No fondo, a pesar de todo iso, estaban a esperar facer como pagabas 50 ou facías pagar ao cura mirando por encima das túas lentes con esa cara de eu non fun, ese sorriso  picarona e facer rir a todos os presentes. 

Este mundo pódesenos facer curto polos momentos importantes que nos gustaría seguir compartindo; longo, pola pena que márcanos a xente que nos deixa; alegre, polos momentos vividos; triste, polo baleiro que deixas a tua familia, aos teus amigos e á xente que che apreciaba. 

Este camiño terreal é así. Quedamos co teu recordo eterno, o teu sorriso  pícaro, os teus contos  xocosos, os teus … , os teus… pero, tamén nos queda, a túa cadeira baleira na mesa de xogo.

Onde vaias vaste atopar cos veciños e amigos que che apreciaban, segue marcando camiño, espertando ilusións e deseñando estratexias para que aqueles, que se adiantaron, poidan gozar contigo ata que os que quedamos volvamos rirnos coas túas ocorrencias.

Ata sempre Víctor 

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

ATA SEMPRE KIKO, MESTRE.

La niña de la mirada triste (revisado)